Salif Keita


A VOZ AFRICANA DE VELUDO

Auditorio de Galicia
3 de decembro ás 21:00 horas
12€ a entrada. Estudantes e xubilados 6€

Trátase dunha das voces máis extraordinarias de África. Salif Keita (Djoliba, Malí, 1949) ten moldeado a súa voz de tal xeito que sexa inmediatamente identificable, apaixoada e única. Símbolo do panafricanismo, pacifista convencido, admirador de Nelson Mandela e cunha xenerosidade sen límites que o levou a exerce de arquitecto cultural, tendendo pontes en entre África e o resto do mundo. Salik Keita chega a Santiago de Compostela a presentar o seu último traballo titulado M´Bemba e que se sae á venda en outubro deste ano.

Cando naceu, o feito de ser albino provocou os receos na súa familia xa que os albinos provocan temor e rexeitamento na sociedade de Malí. Os Keita eran granxeiros, descendentes da nobreza. Ser albino e non pertencer a unha familia de tradición musical dificultou os seus inicios como artista. Quixo ser mestre pero os problemas de visión impediron que rematara os estudios. Integrouse posteriormente na Rail Band, do Ministerio de Obras Públicas, e máis tarde nos Ambassadeurs, formación auspiciada polo Ministerio de Interior. Aí xa deixa ver o seu extraordinario traballo na mestura de raices mandingas e sintetizadores. Os discos que o convirten nun dos nomes dourados das músicas do mundo son Folon (1995), Sosie (1997), un traballo de inspiración francesa, e Papa (1999), un disco marcado polos sons funkis e gravado na cidade de Nova York.

Moffou (2002), é o título do seu penúltimo disco e o nome do clube que abriu na cidade de Barnako para promover a escena musical do oeste de África. Convertido nun grande productor, Salif Keita ten acadado un papel cada vez máis relevante no seu país no que pasa máis tempo. No ano 1990 puxo en marcha a organización SOS Albino, para apoiar aos seus paisanos.

A alegría vital, a luz africana e o talento de Keita quedan amosados no disco Moffou, remesturado polas estrelas da musica electronica africana como Frederic Galiano baixo a etiqueta de Remixes from Moffou. Un dos impulsores do afropop, Salif Keita foi o primeiro lider dun grupo africano en ser nominado a un premio Grammy. Hoxendía a súa madurez persoal e musical transmítese nos seus concertos, citas contadas e escollidas na península nas que o a súa voz de veludo leva un sentimento de paz ao público. As dúas únicas presentacións que fará Salif Keita do seu disco M´Bemba no Estado terán lugar o 1 de decembro en Barcelona e dous dias máis tarde en Santiago de Compostela.


Outras das citas de Salif Keita en breve:
  • 25/10/05. Auditorio de Lyon (Francia)

  • 28/10/05. Teatro Lino Ventura. Niza (Francia)

  • 4/11/05. La Halle aux grains. Blois (Francia)

  • 18/11/05. London Jazz Festival (Reino Unido)

  • 22/11/05. Teatro da Ópera. Massy (Francia)


  • Web de Salif Keita

    « Programa 2010 - 2011
Escoita en mp3 un fragmento de
Bobo